Sen dúbida, son moitas as ocasións en que as/os profesionais da tradución e da interpretación comprobamos a precariedade das nosas condicións laborais e a dificultade de facer oír os nosos intereses naquelas instancias que poderían provocar o cambio nesta situación.
Da convicción de que só de maneira conxunta poderemos ter éxito nestes intentos e gañar maior visibilidade ante a sociedade actual nace a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), que pretende establecer unha plataforma de traballo conxunto para as/os profesionais da tradución e da interpretación que traballan en Galicia.
Os nosos principais obxectivos son:
- Contribuír á mellora das condicións laborais das/os tradutoras/es e intérpretes no mercado galego.
- Promover o uso da lingua galega no mercado da tradución e da interpretación en todos os sectores económicos galegos.
- Proporcionarlles ás/aos profesionais da tradución e da interpretación posibilidades de formación continuada non formal.
Ademais, a AGPTI forma parte da Rede Vértice, a unión de asociacións profesionais do sector con presenza no Estado español.