A AGPTI súmase á campaña impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para reclamar á Xunta de Galicia que chegue un acordo tanto con Movistar+ como coas principais plataformas dixitais para a incorporación de lexendado en galego e da dobraxe dos filmes e series de que xa dispón a CRTVG.
Pódese apoiar esta campaña asinando nesta ligazón.
Velaquí o manifesto da campaña:
61.555,37 € ao ano nun acordo a 3 anos por un total 184.666,13 €. Este é o custo que ten para os gobernos vasco e catalán que na actualidade as series e filmes que emite Movistar+ teñan lexendado nas súas linguas. Ademais o acordo permite que, após un ano de exclusividade de emisión de Movistar+, estes contidos poidan ser xestionados polos gobernos catalán e vasco.
E o galego? En 2018 Movistar+ manifestou nunha resposta á Mesa pola Normalización Lingüística a súa vontade de incorporar o galego. Porén, non hai polo de agora nada que indique que o vaian facer mentres o goberno galego non se implique para dispormos de dobraxe e lexendado en galego nas plataformas de televisión dixital.
Pola contra, a Xunta exclúe a presenza do galego ao non participar de acordos que favorecerían a opción de galego nos lexendados de filmes e series e, ademais, reduce cada ano a execución do orzamento para a dobraxe e non permite que os filmes xa dobrados se atopen dispoñíbeis no mercado.
A Xunta de Galiza debe favorecer a oferta de galego, o dereito ao acceso a contidos audiovisuais en condicións semellantes a outras linguas oficiais e cumprir coa obriga sinalada no artigo 20.1 da Lei de Normalización Lingüística de 1983 de fomentar a produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega.
Por isto reclamamos:
– Acordo da Xunta con Movistar+ para o lexendado dos filmes e series.
– Acordos da Xunta coas principais plataformas dixitais para a incoporación de lexendado en galego e da dobraxe dos filmes e series dos que xa dispón a CRTVG.
– Dotación orzamentaria que permita cumprir eficazmente co estabelecido no artigo 20.1 da LNL.”