Rede Vértice

A Rede Vértice naceu en maio de 2009, como resultado dunha convocatoria a todas as asociacións de profesionais da tradución, interpretación e corrección con presenza en España que fixera a presidenta de Asetrad nese momento, Margaret Clark.

Nesa reunión acordárase abrir unha canle de comunicación entre as entidades para compartiren información sobre novidades do sector, convocatorias, cursos e outros actos, e para consultar opinións, políticas e posturas relacionadas cos asuntos que nos atinxen a todos e todas. As asociacións comezarían a aplicar descontos aos membros das demais que asistisen aos seus cursos e xornadas, e crearíase unha páxina web a xeito de taboleiro de anuncios. 

Durante esta fase inicial, na que se utilizou o nome provisional de ACOCESP, plasmáronse todas estas iniciativas nun convenio marco, que se asinou na primeira reunión anual da rede, que tivo lugar en xuño de 2010 en Vigo, coa AGPTI como anfitrioa. As primeiras asociacións que conformaron este colectivo foron AATI, ACE Traductores, AGPTI, APTIC, APTIJ, ASATI, Asetrad, ATIJC, ESPaiic, MET, UniCo e XARXA. Posteriormente a esta reunión incorporáronse AIPTI, EIZIE e TREMÉTICA, e tras a segunda reunión anual (de xuño de 2011 en Valencia), incorporáronse ACEC e ATRAE. Desta reunión xurdiu a proposta do nome de Vértice e en xuño de 2012 tivo lugar a terceira reunión en Barcelona e a presentación pública da Rede Vértice.

Para a AGPTI, a pertenza á Rede Vértice ten unha grande importancia, tanto polo traballo de colaboración constante e polo contraste de opinións con outras entidades como pola unión e fronte común ante asuntos que afectan á nosa profesión.

Na actualidade, representan á AGPTI ante a rede a presidenta da asociación, Iria Taibo, e o noso socio José-Luis Morais, que ademais é o encargado da coordinación da comunicación da Rede. 

En 2020 a AGPTI foi a anfitrioa do encontro anual, que debía incluír a celebración do 10.º aniversario da Rede Vértice, mais debido á situación sanitaria foi preciso facelo de xeito virtual, igual que vai acontecer en 2021.

http://www.redvertice.org/

Contacto: vertice.red@gmail.com

RedVértice