Por unanimidade, o xurado do Premio Xela Arias, formado polos membros da Xunta Directiva da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación mais unha representación da Asociación Galega de Editoras, como entidade gañadora da edición anterior, decidiu outorgar o premio na súa VII edición a Takekazu Asaka e a Gabriel Álvarez Martínez por construíren mediante o seu dedicado traballo unha sólida ponte entre as culturas galega e xaponesa, especialmente no ámbito literario.
Takekazu Asaka (Tokyo, 1952), lingüista, profesor e tradutor, está considerado un embaixador da cultura galega no Xapón. Verteu ao xaponés obras clásicas de autoría galega como Afonso X O Sabio, Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas ou Uxío Novoneyra, e tamén elaborou a primeira gramática galega para público xaponés, xunto cunha guía de conversa en galego e mais un vocabulario básico da lingua galega. Ademais, impartiu durante preto de dúas décadas clases de lingua, gramática e literatura galegas en distintas universidades nipoas. Por este labor recibiu o Premio Ramón Cabanillas de Tradución en 2017, ano en que foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega, institución da que tamén é membro de honra dende 2023.
Gabriel Álvarez Martínez (O Carballiño, 1985) é tradutor especializado en literatura xaponesa, cunha ducia de traducións ao galego. Formouse en Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, ten un mestrado en Lingua e Comunicación da Universidade de Kobe (O Xapón) e é doutor pola Universidade de Vigo cunha tese sobre o tratamento dos ideófonos na tradución de manga. Nesta universidade tamén exerce como profesor externo no Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo. Ademais, foi convidado a impartir conferencias sobre tradución ao galego en universidades de Irlanda e do Xapón. Pola súa contribución ao fomento e á difusión da cultura xaponesa, foi galardoado coa Distinción do Ministro de Asuntos Exteriores do Xapón en 2022.
Con este premio preténdese pór en valor a profesión da tradución e da interpretación e mais o galego como lingua de traballo, ademais de dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsable das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras. As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo NUMAX (2020), a publicación científica Viceversa. Revista Galega de Tradución (2021), a entidade A Mesa pola Normalización Lingüística (2022) e a Asociación Galega de Editoras (2023).
Nos vindeiros días anunciarase a data da cerimonia de entrega do premio, aberta a todo o público.