O 20 de decembro de 2023, a Mesa do Senado publicou unha licitación para externalizar os servizos de interpretación e posterior transcrición das intervencións realizadas en éuscaro, catalán, galego e valenciano durante as sesións parlamentarias do Senado. Decidíase así substituír un sistema que estivo funcionando sen problemas durante dezanove anos —a cargo dun equipo estable de intérpretes profesionais que superaran un rigoroso proceso de selección e acreditación— por un concurso en que brillaban pola súa ausencia os criterios de calidade.
A Rede Vértice (que integra asociacións de profesionais da tradución, a interpretación e a corrección con presenza en España) publicou un comunicado ao respecto, que pode consultarse aquí.
Aínda que ese proceso non prosperou, o pasado 6 de marzo abriuse unha nova licitación. Nela aumentouse o orzamento, porque haberá máis sesións parlamentarias, pero as condicións seguen sendo inaceptables. Entre outras cousas:
• non se esixe formación regulada nin experiencia contrastada;
• imposibilítase que participen autónomos ou pemes, xa que se lle esixe á adxudicataria un volume de negocios mínimo de 598 500,00 euros ao ano;
• non se introducen mecanismos para verificar que os currículos presentados correspondan ás persoas que prestarán o servizo;
• non se prevén controis de calidade;
• os honorarios previstos distan moito de ser os axeitados, xa que en lugar de atender aos acordos salariais estipulados por distintos servizos de interpretación institucional e polo propio Senado durante as últimas décadas, circunscríbense ao previsto no convenio colectivo de traballo do sector de oficinas e despachos.
O resultado pode ser similar ao das licitacións dalgúns servizos públicos como a interpretación xudicial e policial, que quedaron en mans de grandes empresas adxudicatarias que pagan tarifas irrisorias aos intérpretes, pero que ademais foron obxecto de incontables escándalos e situacións esperpénticas: intérpretes que acaban detidos porque teñen antecedentes penais, xuízos suspendidos por un mal servizo de interpretación, innumerables queixas etc.
A Rede Vértice leva máis de dez anos denunciando estas prácticas e solicitando que se abandone un sistema de licitacións que expulsou de facto a intérpretes profesionais dos xuízos penais e das dependencias policiais, co conseguinte menoscabo dos dereitos da cidadanía e o enriquecemento dunhas poucas empresas.
Agora preténdese trasladar este modelo malogrado á interpretación de conferencias. Ademais, facelo desde o Senado, que debería predicar e esixir exemplaridade, ademais de responsabilidade social. As asociacións que asinan o presente comunicado (todas as asociacións de profesionais que conforman a Rede Vértice, todas as universidades que forman parte da Asociación de Universidades do Estado Español con Estudos Oficiais en Tradución e Interpretación, AUnETI, e o alumnado que integra a Asociación Española Universitaria de Tradutores e Intérpretes en Formación, AETI; é dicir, a profesión en bloque) opóñense frontalmente a esta licitación e solicitan á Cámara Alta que recapacite e rectifique.