A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación dirixiuse aos deputados e deputadas galegas no Congreso, en relación co servizo de interpretación das linguas oficiais, para transmitirlles a preocupación do sector polo xeito en que se vaia levar a cabo o servizo de agora en diante, desde o punto de vista da profesionalidade e calidade.
Consideran que o servizo de interpretación (ademais dos outros servizos lingüísticos, como a tradución e a transcrición) nunha institución como o Congreso dos Deputados deben prestalo profesionais, polo que chaman a atención sobre a posíbel contratación a través de empresas intermediarias, sen garantir a cualificación e experiencia das persoas que presten o servizo na práctica.
Son ben coñecidos os exemplos de diversos servizos públicos que contrataron a interpretación a empresas intermediarias, con graves erros e problemas, debidos precisamente a ese emprego de persoas non profesionais e á falta de garantías que isto supón. Neste sentido, cómpre lembrar as peticións e reclamacións presentadas polos colegas da Asociación Profesional de Traductores e Intérpretes Judiciales y Jurados (APTIJ) perante diferentes organismos e institucións (Ministerio de Xustiza, Defensor del Pueblo), así como a publicación de innumerables comunicados e notas de prensa apoiados por todas as asociacións de profesionais de España nos que se manifestaba o malestar e a preocupación do sector pola perda da calidade e profesionalidade do servizo de interpretación xudicial na Administración xeral debido á xeneralización da súa subcontratación.
As asociacións profesionais de España, unidas na Rede Vértice, levan desde 2009 denunciando malas prácticas profesionais con consecuencias nefastas para os usuarios da xustiza no Estado, das que culpan á existencia dun intermediario de natureza privada, cuxo principal obxectivo é o económico. Neste tipo de licitacións, non existen probas de acceso mediante as cales se poidan comprobar as competencias profesionais das persoas que levan a cabo.
Hai outros parlamentos, como o vasco, que contan con intérpretes no seu cadro de persoal, e contratan os servizos de autónomos externos cando é preciso. O Senado ten en marcha, desde hai máis de quince anos, un servizo de interpretación polo que se contratan intérpretes que son traballadores e traballadoras autónomas, mais que pasaron por un proceso de selección previo, adaptado ás necesidades da institución. As institucións europeas combinan o servizo de profesionais que forman parte do seu cadro de persoal coa contratación de intérpretes autónomos previamente seleccionados cos que cobren tamén boa parte das súas necesidades.
A AGPTI entende que os servizos de tradución, interpretación e transcrición no Congreso dos Deputados deben levalos a cabo persoas cualificadas e que estean en condicións de asegurar a calidade do servizo, tanto pola importancia da representatividade da institución como pola confidencialidade da documentación manexada, cando corresponda. As persoas que leven a cabo este servizo deben ter un coñecemento exhaustivo da institución, do seu regulamento, de política xeral e suficiente experiencia. Todo isto só se pode garantir se a propia institución establece e controla os criterios polos que se elixen os profesionais que van prestar o servizo.
A asociación dirixiuse tanto aos representantes políticos que participaran no debate que a AGPTI organizou no mes de outubro sobre a presenza das linguas oficiais no Congreso (o deputado no Parlamento de Galicia polo Partido Popular José Luis Ferro e os membros do Congreso Modesto Pose (polo PSdG), Marta Lois (por Sumar) e Néstor Rego (polo BNG) como ao resto de deputados e deputadas do Congreso elixidos polas catro circunscricións galegas.