Alta de novas socias

Para solicitares a alta na AGPTI, debes seguir estes pasos:

1 Enche o formulario cos datos solicitados. Se tes dúbidas, contacta connosco por calquera dos medios de que dispomos.


2 Achega a documentación solicitada segundo a categoría de asociada/o á que queiras pertencer:


Profesionais da tradución e da interpretación por conta allea

Copia de contrato, carta, certificado ou calquera documento da empresa ou institución en que conste que estás contratado/a como tradutor/a ou intérprete ou que desempeñas este tipo de labor no teu posto de traballo.


Profesionais da tradución e da interpretación por conta propia

Copia da declaración censual de alta na actividade (modelo 036 ou 037) e do último boletín de cotización á Seguridade Social.


Estudantes de grao, mestrado ou doutoramento en Tradución e Interpretación

Copia do resgardo de matrícula do curso actual.


Tituladas/os en Tradución e Interpretación

Copia do título ou da solicitude de expedición.


Envíanos tamén unha fotografía dixital de cara cunha resolución aceptable e 1 MB de peso como máximo para incluír no teu carné de asociada/o e na ficha pública que vai aparecer no «Buscador de profesionais» de www.agpti.org (unicamente para profesionais).

Unha vez recibida a túa documentación, a xunta directiva da AGPTI avaliará a solicitude e comprobará a súa conformidade cos estatutos. Este proceso pode levar ata un máximo dun mes. Se a túa solicitude cumpre os requisitos estipulados, despois de aboares a cota correspondente recibirás un correo electrónico de confirmación da túa alta na asociación e calquera outra información pertinente.


As cotas de inscrición (exentas de IVE) como socia/o teñen carácter anual e son de 70 € para profesionais e 30 € para estudantes e tituladas/os. O pagamento das cotas realízase por transferencia bancaria á conta da asociación por adiantado para o ano natural. En caso de darte de alta no segundo trimestre do ano, no terceiro ou no cuarto, cobraríase a parte proporcional, é dicir; 52,50 € no segundo trimestre, 35 no terceiro trimestre e 17,50 € no último trimestre do ano.


As cotas sucesivas abóanse a principios de ano por transferencia bancaria.