O pasado 2 de setembro o xurado da XXII edición do Premio de Tradución Plácido Castro decidiu outorgar este galardón a Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra As iluminacións, de Arthur Rimbaud, traducida do francés ao galego e editada por Kalandraka en edición bilingüe.
O xurado destacou a especial dificultade da tradución, que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal. Igualmente, mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais, así como a súa sonoridade. Por último, ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a compresión lectora.
O xurado deste premio estivo composto por cinco persoas en representación das seguintes institucións: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Real Academia Galega e Xunta de Galicia. Nesta edición, a representante da AGPTI foi a nosa socia Patricia Buxán, tradutora, profesora e editora.
A entrega do premio terá lugar o vindeiro sábado 28 de setembro ás 12:00 horas na Sala Pitusa Vidal Cabanillas da Casa da Calzada, no concello de Cambados.
Nesta ligazón está dispoñible unha interesante entrevista ás tradutoras premiadas.