A AGPTI outorga anualmente o premio Xela Arias, cuxa creación serve para celebrarmos o Día Internacional da Tradución (30 de setembro).
Este premio concédese a unha empresa, entidade ou persoa que destaque pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego. Os seus obxectivos deste premio son pór en valor a nosa profesión e o galego como lingua de traballo e dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras.
O premio ten carácter simbólico e o xurado está conformado pola Xunta Directiva da AGPTI, aínda que a asociación pode convidar outras persoas ou entidades a formaren parte, entre elas a gañadora do ano anterior.
As e os gañadores das edicións deste premio foron:
- I Premio Xela Arias (2018): María Alonso Seisdedos, pola súa longa traxectoria no mundo da tradución.
- II Premio Xela Arias (2019): Facultade de Filoloxía e Tradución (FTT) da Universidade de Vigo, pola súa importancia para a tradución e a interpretación en Galiza e en galego e pola colaboración en proxectos de todo tipo en relación coa nosa profesión.
- III Premio Xela Arias (2020): NUMAX, S. Coop. Galega, pola súa aposta polo galego, por un traballo coidado e de calidade e pola tradución dunha parte das pezas que emiten e distribúen.
- IV Premio Xela Arias (2021): Viceversa. Revista Galega de Tradución, da Universidade de Vigo, que nese ano 2021 retomou a súa actividade, polo traballo que fai en relación coa teoría da tradución á nosa lingua e pola súa traxectoria.
- V Premio Xela Arias (2022): A Mesa pola Normalización Lingüística, polo seu labor e dedicación na iniciativa de cambio da nova Lei xeral do audiovisual para conseguir que o galego teña financiamento anticipado nas producións audiovisuais das canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.
- VI Premio Xela Arias (2023): Asociación Galega de Editoras, pola importancia do seu traballo en prol dun colectivo editorial máis vivo e cohesionado, por favorecer unha maior visibilidade da profesión da tradución e por promover un diálogo aberto e directo entre profesionais e empresas editorais.