Asemblea xeral de 2024

O pasado sábado 6 de abril, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación levamos a cabo a nosa asemblea anual no Auditorio do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela).

Nela as socias e socios aprobamos por unanimidade a memoria de actividades e o balance económico de 2023, así como o plan de actuación e o orzamento para 2024.

Entre as liñas de traballo aprobadas que centrarán o traballo da AGPTI durante este ano destacan a interpretación de conferencias nas institucións públicas, con especial atención á prestación deste servizo no Congreso logo da aprobación do uso do galego nesta cámara, e o sector da tradución xurada en Galicia, dado que a Xunta non convoca exames de habilitación de profesionais da tradución xurada dende 2009 e tampouco modificou a normativa para que as persoas que obteñen o Grao en Tradución e Interpretación poidan habilitarse, como acontecía no pasado coas extintas licenciaturas. A AGPTI tamén prestará especial atención ao uso da intelixencia artificial nos procesos de tradución e explorará vías de colaboración con entidades doutros sectores afectados pola IA, como a edición ou o deseño.

Ademais, as socias e socios apoiamos por unanimidade a nova composición da xunta directiva. Logo de seis anos con Iria Taibo á fronte da asociación, a AGPTI pasará a estar presidida por Beatriz Fariñas (que ata o de agora era a secretaria). A xunta directiva terá a seguinte composición:

  • Presidencia: Beatriz Fariñas
  • Vicepresidencia: José-Luis Morais
  • Secretaría: Jose Rodríguez
  • Tesourería: Laura Iglesias
  • Vogalía de Formación: Paloma Barrera
  • Vogalía: Ana Hermida

Tamén aprobamos unha modificación dos nosos estatutos co obxectivo de ampliar os perfís das persoas que poden pertencer á asociación, que axiña estarán dispoñibles neste sitio web para a súa consulta.