Hai anos que a AGPTI e outras asociacións profesionais deste sector —entre as que destacan as que integran a Rede Vértice, da cal formamos parte— estamos a traballar ante as administracións públicas para conseguir que os servizos de interpretación na xustiza sigan uns criterios xustos para as persoas que reciben o servizo e para os profesionais que o prestan. Neste sentido, na Rede Vértice e xunto coa Conferencia de Centros e Departamentos Universitarios de Tradución e Interpretación (CCDUTI), seguimos insistindo ante o Ministerio de Xustiza do Goberno español para que se traspoña correctamente a Directiva 64/2010, do 20 de outubro do 2010, relativa ao dereito a interpretación e a tradución nos procesos penais. A transposición realizouse parcialmente, mais sen incluír algunhas das peticións do noso colectivo, entre elas a creación dunha Lei de rexistro. A Directiva indica que, nun prazo dun ano desde a súa publicación, España debería ter un proxecto de lei de rexistro de tradutores e intérpretes xudiciais. Ese rexistro é unha das nosas principais reivindicacións, pois entendemos que, de facerse correctamente, é a única garantía de que as persoas que leven a cabo ese servizo teñan as cualificacións e experiencia necesarias. Así, sería preciso pasar un exame para poder realizar esta actividade, mesmo as persoas que teñan a titulación en Tradución e Interpretación, como único xeito de garantir que se cumpre cos dereitos das persoas receptoras do servizo. Os comunicados de protesta que levamos emitido as asociacións do sector poden consultarse aquí, e non debe perderse de vista que o Defensor do Pobo recibiu e aceptou unha queixa presentada en xullo de 2016 pola Asociación Profesional de Traductores e Intérpretes Judiciales y Jurados (APTIJ) sobre a prestación do servizo de tradución e interpretación en sede xudicial e policial no noso país, queixa á que se adheriron outras asociacións nacionais e internacionais.
Porén, a Xunta de Galicia e a administración do Estado seguen a realizar procedementos de contratación baseados unicamente en criterios económicos, sen estableceren mecanismos de control sobre a formación ou experiencia do persoal. Isto leva a que, na práctica, as empresas que gañan os concursos para a prestación de servizos de tradución e interpretación na xustiza (policiais e xudiciais, principalmente) só contraten a quen acepte prezos moi por debaixo dos do mercado, co que isto implica en canto a cualificacións e experiencia e para a calidade do traballo. Outra das condicións que se lles impoñen ás concesionarias é a urxencia, pois están obrigadas a prestar o servizo nun prazo determinado, mais non a presentaren as cualificacións do persoal que o desempeña (cualificacións que, en ocasións, son inexistentes, pois non se esixen estudos universitarios nin titulación ou acreditación profesional ningunha).
Polo tanto, as persoas receptoras deses servizos son as principais prexudicadas pola escasa cualificación que poida ter quen leva a cabo a interpretación e, deste xeito, quedan desamparadas ante a falta de interese da administración, que non só dificulta o traballo do persoal xudicial (que non sempre dispón da información e os coñecementos necesarios para esixir intérpretes e tradutores profesionais e cualificados), senón que ademais pon en perigo os dereitos dos acusados e acusadas e pode levalos a unha situación de indefensión.
Se nun xuízo xorde un problema de interpretación que impida o correcto desenvolvemento das actuacións, unha das últimas solucións debería ser procurar alguén entre o público sen coñecer a súa capacidade real para levar a cabo ese servizo. Aínda que xornalisticamente poida ser unha noticia atractiva por curiosa e rechamante, como profesionais non podemos evitar pensar nas circunstancias que rodean este tipo de contratacións e as consecuencias que poden ter para os afectados e afectadas. Así mesmo, resulta moi perigoso para o traballo dos profesionais e para a súa imaxe que os medios traten esta cuestión con certa lixeireza e mesmo se lle dea certa publicidade á persoa que finalmente se encargou da interpretación no caso do xuízo de Vigo, mencionando conceptos como o bilingüismo, o coñecemento da linguaxe xurídica e a asistencia prestada ás partes polo intérprete sen que se aprecie conciencia ningunha da seriedade, a dificultade e as implicacións dos temas tratados, nin coñecemento real do que comportan esas nocións na práctica. Observamos unha desacougante improvisación (ignoramos mesmo se ese intérprete vai percibir unha remuneración), falta de seguridade xurídica e un alto grao de irracionalidade nun sistema posto nas mans de empresas privadas que non achegan nada á calidade do servizo e si reciben diñeiro público do que os intérpretes contratados reciben unha mínima parte.
Se algún dos letrados estivese a facer mal o seu traballo, podemos dubidar de que ninguén fose preguntar: «Hai algún avogado na sala que poida seguir coa defensa?».
Asociacións da Rede Vértice que apoian este comunicado:
- AATI Asociación Argentina de Traductores e Intérpretes
- ACEtt ACE Traductores
- AGPTI Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación
- AICE Asociación de Intérpretes de Conferencia de España
- IAPTI International Association of Professional Translators and Interpreters
- APTIC Associació Professional de Traductors i Intèrprets de Catalunya
- APTIJ Asociación Profesional de Traductores e Intérpretes Judiciales y Jurados
- ASATI Asociación Aragonesa de Traductores e Intérpretes
- Asetrad Asociación Española de Traductores, Correctores e Intérpretes
- ATIJC Associació de Traductors i Intèrprets Jurats de Catalunya
- AVIC Asociación Valenciana de Intérpretes de Conferencia
- EIZIE Euskal Itzultzaile, Zuzentzaile eta Interpreteen Elkartea
- Espaiic Región España de AIIC
- FILSE Federación Española de Intérpretes de Lengua de Signos y Guías-Intérpretes
- Xarxa Red de Traductores e Intérpretes de la Comunidad Valenciana