Co gallo do Día Internacional da Tradución, hoxe, 30 de setembro, a AGPTI abre a recepción de candidaturas para a VI edición do Premio Xela Arias, que recoñece o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación (cara ou desde o galego) en todos os sectores económicos.
O período de recepción de candidaturas rematará o día 29 de outubro de 2023. Calquera persoa pode suxerir candidaturas, e para facelo só é preciso enviar un correo electrónico a info@agpti.org co nome da empresa, entidade ou persoa candidata e os motivos polos que se considera que merece o premio.
A persoa, entidade ou empresa gañadora será anunciada o día 2 de novembro de 2023, coincidindo co 20.º cabodano de Xela Arias.
Con este premio preténdese pór en valor a profesión da tradución e da interpretación e mais o galego como lingua de traballo, así como dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras.
As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo NUMAX (2020), a publicación científica Viceversa. Revista Galega de Tradución (2021) e a entidade A Mesa pola Normalización Lingüística (2022).
As bases completas están dispoñibles nesta ligazón.