O 2 de setembro reuniuse en Cambados o xurado da XX.ª edición do Premio Plácido Castro de Tradución, integrado por Olga López López (Xunta de Galicia), Beatriz Fariñas Garrote (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Ramón Caride Ogando (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Alberte Álvarez Lugrís (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega) e Xulio Ríos (presidente de honra do IGADI), quen actuou en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordou outorgar o Premio Plácido Castro 2021 á tradutora María Alonso Seisdedos pola súa tradución da obra Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá.
O xurado salientou o valor da novela, de aparencia sinxela pero de construción complexa, con pluralidade de voces narrativas, que sinala unha perfecta adaptación dos rexistros da lingua de orixe, reflectindo a súa oralidade con altas doses de precisión. Así mesmo, destaca que logra manter o ritmo da narración respectando a atípica puntuación do orixinal.
Con preto de medio cento de traducións literarias dende 2009 ata a actualidade (ademais de múltiples traducións audiovisuais feitas ao longo das dúas décadas anteriores) , María Alonso Seisdedos traduce do inglés, do alemán, do castelán e do catalán. Entre outras distincións, obtivo o Premio Nacional á Mellor Tradución de 2014 e tamén o I Premio Xela Arias, outorgado pola nosa asociación.
SINOPSE DA OBRA: Co eco da tradición, da memoria e da natureza, unha fermosa novela coral ambientada no Pirineo catalán e distinguida, entre outros recoñecementos, como Mellor Libro Europeo de 2020.
O Premio Plácido Castro de Tradución está dotado cun diploma e unha peza escultórica denominada “Babelio” deseñada expresamente para o galardón por Xaquín Chaves. A dotación económica, de 2.000 euros, é procurada pola empresa Lugar da Santiña, baixo a xerencia de Paco Feixó.
A cerimonia de entrega do premio terá lugar o próximo 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, no concello de Vilagarcía.