O pasado 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, a AGPTI anunciaba o gañador da cuarta edición do premio Xela Arias: Viceversa. Revista galega de tradución, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e coordinada polos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución Alberto Álvarez Lugrís e Ana Luna Alonso.
A AGPTI quere recoñecer a traxectoria desta revista académica e o traballo que ten feito dende 1995 en relación coa teoría da tradución e da interpretación á nosa lingua.
Os obxectivos fundacionais da revista son “servir de soporte axeitado para difundir os traballos que sobre tradución e interpretación se vaian producindo nos ámbitos académico e profesional da tradución e interpretación en Galicia”, “presentar en lingua galega os mellores traballos que sobre estes temas se produzan noutras linguas” e “informar sobre a actualidade da tradución e da interpretación en Galicia e no mundo”. Dentro da revista podemos atopar artigos sobre teoría e historia da tradución e da interpretación, ferramentas e formación, traducións xustificadas, críticas e recensións e diversas informacións. Ao longo de 21 números, publicáronse nesta revista máis de 400 traballos.
A revista, fundada no ano 1995 de xeito conxunto pola Asociación Galega de Tradutores Galegos (ATG) e o Departamento de Filoloxía galega e latina da Universidade de Vigo, publicouse ininterrompidamente dende 1995 até o ano 2014, con volumes anuais ou bienais. Despois dunha longa parada, neste 2021 por fin saíu do prelo o número 21. Todos os números da revista están dixitalizados e pódense consultar abertamente na páxina web de Viceversa.
Ao longo dos anos a revista foi incorporando ao Consello de redacción e ao Comité asesor profesionais da tradución e da interpretación e investigadoras universitarias de todo o mundo, co obxectivo de ofrecer dende as súas páxinas tanto a perspectiva profesional como a académica. Do mesmo xeito, un dos obxectivos da revista foi publicar traballos das principais estudosas e estudosos do mundo nos campos da tradución e da interpretación e nos seus números foron aparecendo artigos de Gideon Toury, Sonja Tirkkonen-Condit, Reine Meylaerts, Lawrence Venuti, Suzanne Jill Levine, Edwin Gentzler, Jean Delisle, Daniel Gile etc.
Ademais, compre salientar que a propia Xela Arias, tradutora e escritora a quen homenaxeamos con este premio, foi membro do Consello de redacción da revista ata o seu pasamento no ano 2003. Axiña sairá do prelo un libro coordinado por Viceversa con estudos sobre as traducións de Xela Arias, tamén homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas.
A AGPTI espera que a concesión do premio sirva tamén para lle dar máis pulo e que a revista siga a nutrir o ámbito académico da tradución e da interpretación por moitos anos.
O premio será entregado nun acto simbólico que se espera celebrar antes de que remate o ano.
Os galardoados das anteriores edicións foron: a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), e a cooperativa NUMAX (2020).
(Imaxe que acompaña a noticia: fotografía da profesora Ana Luna Alonso e do profesor Alberto Álvarez Lugrís xentilmente cedida polo Diario da Universidade de Vigo.)