Nota sobre as axudas á tradución de 2021

Un ano máis, a AGPTI reitera o seu descontento coa Orde de axudas á tradución que convoca a Xunta de Galicia para fomentar a tradución literaria cara a e dende o galego.

Como xa lle transmitimos á Administración, o punto máis importante para nós é que este ano desapareceu o requisito de presentar o currículo da profesional que traduce. Este feito dá pé á intrusión e ao desdén cara á traxectoria das profesionais.

Por outro lado, en convocatorias pasadas a Administración contaba coa AGPTI, así como con outras asociacións e representantes do mundo do libro, para participar no comité que valoraba as candidaturas. Este ano non nos convocaron e pensamos que é crucial que este proceso se leve a cabo con profesionais do sector que poidan e saiban valorar as obras que se presentan, a súa importancia cultural ou a traxectoria das editoras, por dicir só algún dos epígrafes que se teñen en conta.

Sen nos metermos en moita análise, e por resaltarmos algúns puntos que nos parecen importantes á hora de seguir nutrindo o noso sistema literario, vemos na resolución deste ano que se van custear retraducións (habería que preguntarse se son necesarias), traducións do mesmo título (é coherente lanzar unha mesma obra en tres edicións diferentes?) e obras de autoras galegas que escriben en castelán (caso de Emilia Pardo Bazán).

Como profesionais da tradución que somos, gustaríanos que se tivesen en conta as achegas que facemos. Estamos falando de axudas á tradución e os intereses da nosa profesión deberían ser os primeiros en ser valorados, retribuídos e escoitados.