Resolución VI Premio Xela Arias

Por unanimidade, o xurado do Premio Xela Arias, formado polos membros da Xunta Directiva da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación mais unha representación da Mesa pola Normalización Lingüística, como entidade gañadora da edición anterior, decidiu outorgar o premio na súa VI edición á Asociación Galega de Editoras pola importancia do seu traballo a favor do colectivo editorial, así como por representar un sector cunha gran pegada pública no que a nosa profesión ten unha visibilidade moi relevante e no que o diálogo entre profesionais e empresas é moi aberto e directo.

Resolución VI Premio Xela Arias

O xurado analizou, nos últimos anos, un aumento na aparición de editoras que teñen a tradución como unha das súas principais áreas de traballo, polo que este premio é, tamén, a nosa forma de agradecer ese vínculo co noso sector e de valorar moi positivamente que a relación entre tradutoras e editoras estea cada vez máis profesionalizada.

Ademais, o xurado do Premio Xela Arias quere agradecer a traxectoria da Asociación Galega de Editoras como entidade colectiva e o seu traballo reivindicativo a favor dun sector máis vivo e cohesionado.

 

As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo NUMAX (2020), a publicación científica Viceversa. Revista Galega de Tradución (2021) e A Mesa pola Normalización Lingüística (2022).

Nos vindeiros días anunciarase a data da cerimonia de entrega do premio, aberta a todo o público.