Convocatoria do IV Premio Xela Arias

Ábrese o período de recepción de candidaturas para o IV Premio Xela Arias

A AGPTI abre a recepción de candidaturas para a IV edición do premio Xela Arias, que recoñece o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación (cara ou desde o galego) en todos os sectores económicos.

O período de recepción de candidaturas rematará o día 15 de setembro de 2021. Para propor unha candidatura só é preciso enviar un correo electrónico a info@agpti.org co nome da candidata ou candidato e os motivos polos que se considera que merece o premio. Calquera persoa pode suxerir unha empresa, entidade ou persoa candidata por este medio. O gañador ou gañadora será anunciado o día 30 de setembro co gallo do DIT, o Día Internacional da Tradución.

IV Premio Xela Arias
O premio Xela Arias, creado en 2018, pretende pór en valor a nosa profesión e o galego como lingua de traballo, e dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras. Neste 2021, ademais, é a homenaxeada das Letras Galegas.

As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e o proxecto cooperativo NUMAX.